Wednesday 15 de May de 2024

O cantautor Ismael Serrano presenta o seu novo álbum inédito no Teatro Colón, nun concerto de formato máis íntimo que se celebra este sábado


‘Seremos’, que se posicionou no número 2 da lista de vendas durante as primeiras semanas de saída, abrirá ao público a versión máis íntima do artista madrileño, con case 25 anos de traxectoria sobre os escenarios

Sete anos despois da publicación do seu último álbum inédito, ‘La llamada’, o cantautor madrileño Ismael Serrano chega este sábado 19 de febreiro ao Teatro Colón, onde presentará o seu agardado novo disco, ‘Seremos’, co que se posicionou no número 2 das listas de vendas durante as primeiras semanas de saída.

Serrano, referente da xeración de cantautores españois que, na década dos noventa, seguiron a estela de clásicos como Joan Manuel Serrat, Joaquín Sabina ou Luis Eduardo Aute, leva case 25 anos sobre os escenarios. A súa traxectoria, aplaudida a nivel internacional e especialmente en España e Latinoamérica, está marcada por un punto de inflexión: a publicación do seu tema ‘Papá, cuéntame otra vez’, inspirada nos sucesos da revolución de maio do 1968 e baseada na experiencia do pai de Serrano por aquel entón.

Este sábado, o cantautor criado no barrio madrileño de Vallecas chega ao Teatro Colón para ofrecer ao público un concerto de formato próximo e teatral, no que interpretará cancións máis íntimas. Durante o espectáculo, que comezará ás 20.30 horas, Serrano estará acompañado por Jacob Sureda (piano) e Irene Rouco (cello).

As entradas para o concerto previsto este sábado 19 de febreiro no Teatro Colón (21.00 horas), cun prezo que vai dos 20 aos 32 euros, están á venda a través da páxina web Ataquilla.com e no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas). Os pases poderanse adquirir tamén o día da actuación, no despacho de billetes do Teatro Colón, desde dúas horas antes do comezo da función, sempre que haxa entradas dispoñibles.